Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia 2021

Hoxe, xoves 11 de febreiro de 2021, celébrase como cada ano dende que así o acordara a ONU no ano 2015, o Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia. A finalidade desta conmemoración é impulsar as vocacións científicas nas mulleres e nenas, e así acabar coa brecha de xénero que inda na actualidade persiste.

Dado o momento que estamos a vivir, nunha pandemia a nivel mundial debido á COVID-19, hoxe máis que nunca, queremos reivindicar o papel das mulleres científicas na investigación e loita contra esta pandemia, valorando os seus esforzos e traballos para vencer esta crise sanitaria que tanto veu a cambiar a nosa forma de vivir e de relacionarnos.

Dende o noso centro queremos transmitir a nosa confianza na ciencia como único medio que nos pode salvar desta pandemia, e poñemos as nosas esperanzas nela e o desexo de que a tan ansiada vacina se reparta de forma igualitaria a todos os países do mundo.

Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia 2021_CPI de Zas

Día Mundial da Ciencia para a Paz e o Desenvolvemento 2020

Como cada 10 de novembro desde o ano 2002, celébrase en todo o mundo o Día Mundial da Ciencia para a Paz e o Desenvolvemento, co obxectivo de destacar a importante función da ciencia na sociedade. A ciencia, en todas as súas ramas, xoga un papel fundamental nas nosas vidas, xa que explica os fenómenos naturais que ocorren ao noso arredor e aplica os coñecementos científicos para a mellora da calidade de vida das persoas, en combinación coa tecnoloxía. A ciencia debe, pois, estar ao servizo da sociedade.

Este ano, nun momento no que o mundo está loitando contra a pandemia global provocada polo SARS-CoV-2, o tema central do Día Mundial da Ciencia é “A ciencia para e coa sociedade para facer fronte á pandemia global”. Neste contexto, resulta imprescindible a colaboración e responsabilidade da cidadanía para facer un labor divulgativo da importancia de promover a ciencia e loitar para que os nosos gobernantes apoien o seu desenvolvemento e aplicación nas súas políticas económicas, co fin de impulsar o avance da actividade científica.

Esperemos, máis ben pronto que tarde, dar a coñecer no blog da nosa biblio, cuxa temática deste curso é inventos e descubrimentos, a boa nova da vacina contra a COVID-19, e que sexa administrada a toda a poboación do planeta, países desenvolvidos e non, para cumprir así cunha das finalidades do Día Mundial da Ciencia para a Paz e o Desenvolvemento.

Rede Lectura

Punto de encontro da comunidade educativa do CPI de Zas

Biblioteca do CPI de Zas

Punto de encontro da comunidade educativa do CPI de Zas

O CANDIL DE ZAS

Punto de encontro da comunidade educativa do CPI de Zas