Proxecto sobre a auga na sección bilingüe de 6º EP

O alumnado da sección bilingüe da área de Ciencias da natureza de 6º de Educación Primaria participou neste proxecto realizando traballos sobre a separación de mesturas con auga, en concreto, a evaporación, a filtración, a destilación e a decantación.

Despois de facilitarlles a terminoloxía específica en inglés, confeccionaron uns murais destes catro métodos de separación de mesturas que expusemos na cortiza da aula, baixo o título WATER MIXTURES. Aquí deixo algunhas fotos nas que se aprecia o seu esforzo polo traballo ben feito:

Tamén gravamos un vídeo no que o alumnado de 6º desta sección bilingüe explica en inglés a separación de mesturas con auga. Se queredes acceder ao contido do vídeo, podedes escanear este código QR:

7

Queremos amosarlle o noso agradecemento á profesora de Bioloxía María Vila, que se ofreceu a levarnos ao laboratorio para que puideramos ver como alumnado de 4º de ESO facía a separación de mesturas. Ademais dos procesos que xa traballaramos na aula, explicáronnos outros que non coñeciamos, como o da cristalización. Tamén queremos agradecerlle ao alumnado de 4º da ESO que explicasen dunha maneira tan sinxela todos estes procesos, non carentes de dificultade. Recordade con estas fotos o ben que o pasastes ese día e o moito que aprendestes:

 

E para rematar, so lles direi unha palabra aos meus little scientists por facerme tan doada esta experiencia de traballar con eles as Ciencias da natureza en inglés:

THANKS!

Gloria Lema.

Anuncios

Últimas actividades dos clubs de lectura de 6º EP e 1º ESO

            Durante o terceiro trimestre, os membros do club de lectura de 6º EP e 1º ESO leron de maneira conxunta a obra de Ledicia Costas A señorita Bubble. Unha vez rematada esta, dividíronse en pequenos grupos para a realización das actividades seleccionadas por eles/as a partir dos eixes temáticos plantexados na obra. O 18 de xuño, de 14.25h a 15.10h, o alumnado de 1º ESO reuníuse na biblioteca do centro cos seus compañeiros/as de 6º EP para expoñer estes traballos. Así, os estudantes de 6º EP prepararon unha magnífica representación de monicreques deseñados por eles mesmos/as, recreando os personaxes e a historia ideada na novela.

            Pola súa parte, Andrea Solís, Borja Canay e Hari Singh (1º ESO) prepararon as súas respectivas exposicións orais sobre as súas mascotas, inspirándose para iso no amor que a señorita Bubble sente por Nefertiti, a súa gata semimecánica. Á súa vez, para coñecer mellor a figura histórica que se atopa detrás do seu nome, as alumnas Lorena Martínez e Noelia Pose (1º ESO) decidiron indagar sobre a vida da coñecida faraoa exipcia e establecer as concomitancias entre ela e a gata da novela. Nefertiti non é a única referencia a un personaxe histórico que aparece na obra. O personaxe de Vicent, fillo adoptivo da señorita Bubble, agacha outro guiño a un famoso representante, nesta ocasión, da arte, como é o caso de Vicent Van Gogh. Para averiguar os vínculos entre ambos, as dúas alumnas prepararon unha investigación e posterior exposición oral sobre o coñecido pintor e as motivacións de Ledicia Costas para converter parte das súas características nun personaxe de ficción.

            Por outro lado, a personalidade da señorita Bubble inspirou outras investigacións dirixidas a coñecer mulleres científicas e grandes inventoras coma a protagonista da novela. Por iso, Tania Pose (1º ESO) tomou a determinación de escoller a outra muller relevante neste ámbito para dar a coñecer a súa traxectoria. Seleccionou a Marie Curie pola súa relevancia, non só campo científico, senón tamén por ser a primeira muller en recibir dous premios Nobel en distintas especialidades, a Física e a Química, substancias ambas tan importantes na labor investigadora da señorita Bubble.

Bubble 16

            Ademais destes traballos contextuais arredor da novela, outros/as alumnos/as decidiron cubrir coas súas propias aportacións algúns ocos que a autora deixou no aire. É o caso da apariencia da señorita Bubble, que perdeu un ollo no pasado. Por iso, Adrián Rama e Brayan Pensado (1º ESO) redactaron a súa propia versión do accidente da protagonista.

            Finalmente, Cristina Lorena Soto e Nerea Herrero (1º ESO) realizaron unha reseña completa da obra, indicando non só as liñas argumentais da novela senón tamén a súa recomendación para o resto dos compañeiros/as.

 

Novo número da revista ZasCandil

O equipo de Dinamización da Lingua Galega acaba de editar o número correspondente ao curso 2017-2018 da nosa revista escolar, ZasCandil. A publicación vén plagada de artigos sobre os distintos proxectos e saídas culturais levadas a cabo ao longo destes meses, ademais das imaxes máis representativas do noso alumnado e o seu traballo, xunto con emotivas entrevistas e textos agarimosos adicados a aqueles docentes que se despiden de nós ao finalizar este curso. Podedes acceder a el dende a seguinte ligazón: http://online.fliphtml5.com/vnlvz/ndys/

Non queremos deixar pasar a oportunidade de agradecer ao equipo de Dinamización lingüística do centro e á súa coordinadora Cristina Palleiro o magnífico labor de compilación realizado e o intenso esforzo destes meses, que deu lugar a un excelente resultado final. Parabéns!

Desfrutade da súa lectura e dos magníficos recordos que compartimos este ano escolar!

 

Proxectos sobre a electricidade de 5º EP

O alumnado de 5º EP, xunto coa súa titora Sandra, preparou uns magníficos proxectos inspirados en distintos faros, praias e outras paraxes naturais para dar a coñecer o funcionamento da enerxía eléctrica. Non perdades a oportunidade de achegarvos á biblioteca para visitar esta instrutiva exposición e aprender un pouco máis sobre esta fonte enerxética.

Grazas ao alumnado de 5º EP por compartir connosco o froito do seu traballo!

Proxectos lingüísticos sobre a auga

O alumnado de 2º ESO, guiado pola súa profesora Ana García, preparou por grupos tres traballos na materia de Lingua castelá arredor da familia léxica do termo “auga”, o seu campo asociativo e o semántico. Os proxectos atópanse expostos na biblioteca. Animádevos a vir visitalos e a descubrir as múltiples posibilidades lingüísticas que ofrece este vocablo.

Recomendacións literarias para o verán

Agora que se achega o fin de curso, o equipo da biblioteca non quere deixar pasar a oportunidade de lembrarvos que o verán é unha época ideal para retomar lecturas ou iniciar outras novas. Para facilitarvos esta tarefa, dende a seguinte ligazón, podedes acceder a unha serie de recomendacións literarias por idades que preparamos especialmente para vós: Tríptico recomendacións verán 2018

Ademais, nos vindeiros días, chegarán á biblioteca as últimas novidades adquiridas en literatura infantil e xuvenil. Animámosvos a botarlles un vistazo. Son as seguintes:

  1. Makinaria, de Carlos Negro.

Makinaria

2. Camiño de Vilán, de Manuel Lamas.

3. Engurras, de Paco Roca.

Engurras

4. Un monstro vén a verme, de Patrick Ness.

un monstro ven a verme

5. Esmeraldina, a pequena defunta, de Ledicia Costas.

esmeraldina

6. Dragal 1. A herdanza do dragón, de Elena Gallego.

dragal

7. As aventuras de Pelusa, de Xelucho Abella.

8. O misterio do Faro Vello, de Fina Casalderrey.

faro

9. O misterio da Casa do Pombal, de Fina Casalderrey.

pombal

10. Un baúl cheo de piratas, de Ana Rossetti.

baul

11. Os nenos da varíola, de María Solar.

nenos

12. O curioso incidente do can a media noite, de Mark Haddon.

can

Recordade que podedes levar ata un máximo de seis libros para casa, que teredes que devolver en setembro. Para iso, é necesario que as vosas familias cubran o impreso co compromiso de devolución. Na parte de atrás do documento, debedes anotar os títulos das obras que solicitades en préstamo e entregalo a un membro do equipo da biblioteca.

 

Letras Galegas 2018

Para conmemorar o Día das Letras Galegas, adicado este ano a María Victoria Moreno, o equipo de Dinamización da Lingua Galega en colaboración co resto da comunidade educativa e coa axuda do Concello de Zas, organizou as seguintes actividades e propostas, co fin de dar a coñecer a vida e obra da autora.

X Concurso de Marcapáxinas. Coma todos os anos, as Bibliotecas Municipais e o Concello de Zas, con motivo da celebración do Día das Letras Galegas, promoveron a participación do alumnado de Infantil e Primaria do centro na realización dun marcapáxinas ligado ca vida e obra de Mª Victoria Moreno co fin de homenaxear á escritora.

Obradoiro Creativo “Mª Victoria Moreno, unha historia de amor”, dirixido polo Correo do Vento. O 2 de maio, o alumnado do centro de 3º, 4º, 5º e 6º de Educación Primaria disfrutou e aprendeu máis sobre a vida e obra da homenaxeada no Día das Letras Galegas da man de Enrique Mauricio e de Carlos Taboada.

 Regueifas 5º e 6º de E.P. O 3 de maio, o alumnado de 5º e 6º de E.P. aprendeu a facer regueifas e poemas rimados grazas ao obradoiro organizado polo Concello de Zas.

ACTIVIDADES PROPOSTAS POLO EDLG E A COMUNIDADE EDUCATIVA DO CENTRO:

Mural homenaxe a Mª Victoria Moreno. Co gallo da celebración das Letras Galegas, todo o centro educativo colaborou na confeción dun mural xigante, co fin de homenaxear a Mª Victoria Moreno pola súa labor a prol da cultura e o idioma galegos. Todos os cursos, dende Educación infantil e Primaria ata a ESO, participaron na elaboración de caricaturas, cómics, poemas, debuxos, resumos e biografía e obra da autora para a súa exposición nun gran mural que se colgou na entrada e hall do centro educativo.

Foliada Tradicional polas Letras Galegas. O pasado 16 de maio, organizouse no centro educativo para conmemorar esta data a I FOLIADA TRADICIONAL LETRAS GALEGAS NO C.P.I. de ZAS. Todo o alumnado, ca colaboración do profesorado do centro e en especial das mestras de Música de E.P. e Secundaria e da profesora María Vila, prepararon diferentes cancións e bailes tradicionais galegos co fin de promocionar e salientar nesta data tan emblemática o folclore e a cultura popular galega.

Reflexións de lectura arredor da obra Pegasiño polo club lector de 3º EP

No segundo e terceiro trimestres, o club lector de 3º EP, guiado pola súa titora Pili Facal, aproximouse á lectura de Pegasiño, de Ramón Calvo Blanco (Editorial SM Xerme; colección “Barco de Vapor”). Ademais da lectura conxunta e comprensiva da obra e da localización dos personaxes, o espazo e o tempo nos que transcorre a acción, o alumnado realizou un compendio de palabras extraídas da obra cuxo significado descoñecía, copiando as súas principais acepcións e incorporando os novos significados nas súas propias producións textuais. Tamén completaron exercicios de ordenación de distintos fragmentos da obra, clasificándoos na presentación da historia, no conflito ou no desenlace.

Asimesmo, cada alumno/a debuxou a súa propia portada, recreou un final orixinal e diferente ao ideado polo autor e elaborou un marcapáxinas individualizado e inspirado no argumento e nos protagonistas da novela. Todas estas propostas creativas arredor da obra de Ramón Calvo Blanco foron expostas no taboleiro da aula, adicado ao traballo do club lector.

 

 

Maratón de lecturas no Día das Letras Galegas

Para conmemorar o Día das Letras Galegas, adicado este ano a María Victoria Moreno, a biblioteca do noso centro organizou un maratón de lecturas arredor da obra da autora. Para levalo a cabo, convidamos a toda a comunidade educativa do centro a acudir á biblioteca durante os recreos de Primaria e Secundaria dos días 14 e 15 de maio para lerlles aos asistentes algún fragmento ou poema da escritora.

Durante os recreos de Secundaria do luns 14 de maio, os alumnos de 1º ESO achegáronse á biblioteca para iniciar a súa rolda de intervencións. Velaquí tedes as imaxes.

Animádevos a asistir tamén durante os recreos do martes!

Exposición “Literarias”

A nosa biblioteca colaborou co Departamento de Educación Plástica e Visual e o equipo de Dinamización da Lingua Galega na organización dunha exposición con caricaturas feitas polo alumnado de 3º ESO. Estas foron confeccionadas con diversos materiais a partir dos deseños realizados con motivo do Día da Muller arredor de seis grandes figuras da literatura galega, hispánica e universal: Rosalía de Castro, María Victoria Moreno, Gloria Fuertes, Isabel Allende, Virginia Woolf e J. K. Rowling.

O profesor de EPV da ESO, Nacho Pascual, ideou e montou a exposición no corredor superior do centro para que esta poida visitarse durante os meses de maio e xuño. Ademais, a actividade forma parte dos festexos preparados para a conmemoración do Día das Letras Galegas 2018, adicado este ano a María Victoria Moreno.