Introdución a Xela Arias, autora homenaxeada co Día das Letras Galegas en 2021

“O idioma é o principal signo dunha cultura. (…) Unha lingua ha de medrar como a hedra, dándolle o sol e mailo aire.” (Xela Arias)

Xela Arias Castaño (Sarria 1962 – Vigo 2003) foi unha escritora, editora, tradutora e profesora galega, pero sobre todo unha poeta rompedora e unha muller comprometida cos movementos feminista, ecoloxista e pacifista.

Co obxectivo de poñer en valor e dar a coñecer a autora a quen a Real Academia Galega (RAG) lle dedica o próximo 17 de maio, o noso alumnado de 2º ESO, coa axuda das profesoras de lingua galega e pedagoxía terapéutica, realizaron un pequeno relato en vídeo sobre a súa vida e obra.

E Xela converteuse en Estrela

Para seguir descubrindo un pouco máis sobre Xela Arias, non deixedes de visitar a súa exposición na nosa biblioteca e, de paso, consultar os seus libros que temos dispoñibles.

(Proximamente subiremos as fotos da exposición)

Día Mundial da Poesía 2021

O 21 de marzo conmemoramos o Día Mundial da Poesía, proclamado pola UNESCO en 1999 co obxectivo de apoiar a diversidade lingüística a través da expresión poética. Trátase, ademais, dunha ocasión para:

  • honrar aos poetas e poetisas.
  • fomentar a tradición oral dos recitais de poesía.
  • promover a lectura e a escritura de poesía.
  • aumentar a visibilidade da poesía nos medios de comunicación.

E que mellor forma temos nós para celebrar este día que lendo un pouco de poesía? Velaquí vos deixamos as últimas novidades de poesía que temos na nosa biblioteca. Non deixedes de visitarnos e botarlles unha ollada!

Día de Rosalía de Castro 2021

O 24 de febreiro está recollido no Calendario do Libro e a Lectura, publicado pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade, como o Día de Rosalía de Castro, poeta de referencia da nosa literatura, coincidindo co aniversario do seu nacemento.

Para coñecer un pouco máis á nosa poeta máis universal, compartimos unha serie de recursos e xogos en torno á súa vida e obra:

Día Mundial da Radio 2021

No curso 2019/2020 puxemos en marcha a nosa radio escolar, Onda Zas, grazas á nosa incorporación ao programa “Radio na biblio” da Consellería de Cultura, Educación e Universidade. Non obstante, por mor da pandemia e a conseguinte suspensión das clases presenciais, non puidemos usala tanto como nos gustaría.

O inicio do curso 2020/2021 estivo cheo de incertezas e inquedanzas sobre como enfrontar o uso da nosa radio e o seu espazo, xa que o Protocolo COVID do noso centro non permite que o alumnado se desprace polo centro durante as clases. Por tanto, despois de moito cavilar, ocorréusenos unha idea: e por que non levar a nosa radio ás distintas aulas?

Hoxe, a véspera do Día Mundial da Radio, que se celebra cada 13 de febreiro, poñemos a funcionar a nosa radio portátil, con todo o equipamento necesario montado nun carriño e perfectamente transportable a calquera espazo do noso centro. Casualmente, o lema elixido este ano para celebrar o décimo Día Mundial da Radio, “Novo mundo, nova radio”, aplícase á perfección ao noso caso. Agora todos mans á obra e… on air!

Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia 2021

Hoxe, xoves 11 de febreiro de 2021, celébrase como cada ano dende que así o acordara a ONU no ano 2015, o Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia. A finalidade desta conmemoración é impulsar as vocacións científicas nas mulleres e nenas, e así acabar coa brecha de xénero que inda na actualidade persiste.

Dado o momento que estamos a vivir, nunha pandemia a nivel mundial debido á COVID-19, hoxe máis que nunca, queremos reivindicar o papel das mulleres científicas na investigación e loita contra esta pandemia, valorando os seus esforzos e traballos para vencer esta crise sanitaria que tanto veu a cambiar a nosa forma de vivir e de relacionarnos.

Dende o noso centro queremos transmitir a nosa confianza na ciencia como único medio que nos pode salvar desta pandemia, e poñemos as nosas esperanzas nela e o desexo de que a tan ansiada vacina se reparta de forma igualitaria a todos os países do mundo.

Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia 2021_CPI de Zas

Decoracións de Nadal 2020

Chegamos ao remate deste intenso e diferente trimestre. Estamos ás portas do Nadal e, por tanto, toca adornar a nosa biblioteca para tal ocasión. Desta vez o alumnado de educación infantil, primaria e secundaria realizou unha serie de postais e debuxos de Nadal para decorar a entrada da nosa biblioteca, onde ademais os paxes reais deixaron e despois recolleron a caixa de correo coas vosas cartas para os Reis Magos. A decoración quedounos moi bonita, verdade?

O equipo da biblioteca queremos desexarvos unhas boas festas e que o 2021 veña cargado de saúde, felicidade e, por suposto, moitas e boas lecturas.

Club de Lectura de 1º ESO: “Robinson Crusoe”

Durante o primeiro trimestre, o grupo do club de lectura de 1º ESO estivo lendo Robinson Crusoe de Daniel Defoe, editado por Vicens Vives. Trátase dunha das obras máis emblemáticas da literatura de aventuras. Narra as aventuras do xove Robinson Crusoe, un náufrago inglés que pasa 28 anos nunha remota illa tropical, onde a pesar das moitas dificultades logra sobrevivir.

Tras a lectura da obra, o alumnado realizou uns estupendos debuxos do protagonista, Robinson Crusoe. A continuación, publicamos unha pequena mostra. Son precisos, non vos parece?

25N Día contra a Violencia de Xénero 2020

O 25 de novembro conmemórase o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres. Se ben é certo que este é un tema que no CPI de Zas nos tomamos moi en serio durante todo o ano, sempre nos gusta resaltar este día dun xeito especial para chamar a atención sobre esta problemática da nosa sociedade e reflexionar sobre a importancia da igualdade independentemente do noso sexo ou condición. Por tanto, durante toda a semana estivemos a realizar diferentes actividades dende a biblioteca.

O alumnado de 3º, 4º, 5º e 6º de Educación Primaria realizou sesións de contacontos ao alumnado de Educación Infantil e 1º e 2º de Educación Primaria. Traballaron, así, as obras Cuando las niñas vuelan alto de Raquel Díaz Reguera, Brancaneves e os 77 ananiños de Davide Cali, Rosa Caramelo de Adela Turín, e Artur e Clementina de Adela Turín.

O alumnado de ESO recitou o poema “¿Qué dirán de mí si un día aparezco muerta?” de Regina José Galindo. Esperamos que vos guste.

Ir a descargar

Preparamos, ademais, unha selección de libros de temática relacionada con esta conmemoración que podedes atopar na nosa biblioteca.

Dado o seu recente pasamento, queremos tamén aproveitar esta ocasión para homenaxear ao deseñador gráfico Quino, ben coñecido por ser o creador de Mafalda.

#BibliotecasSTOPViolencia

Día das Librarías 2020

O 13 de novembro celébrase, desde o ano 2011, o Día das Librarías co fin de mostrar que son espazos próximos, modernos e en continua evolución para xerar cultura, e crear comunidades en torno ao libro e a lectura.

Este é un bo ano para reivindicar, unha vez máis, as librarías de proximidade: librarías con profesionais que nos axudan a conformar unha colección rigorosa na nosa biblioteca e nas nosas casas. Nestes momentos complicados que estamos a vivir, é importante promover o comercio da contorna, salvando así as librarías que están sempre ao noso carón.

E ti, de que libraría vés sendo?

Día Mundial da Ciencia para a Paz e o Desenvolvemento 2020

Como cada 10 de novembro desde o ano 2002, celébrase en todo o mundo o Día Mundial da Ciencia para a Paz e o Desenvolvemento, co obxectivo de destacar a importante función da ciencia na sociedade. A ciencia, en todas as súas ramas, xoga un papel fundamental nas nosas vidas, xa que explica os fenómenos naturais que ocorren ao noso arredor e aplica os coñecementos científicos para a mellora da calidade de vida das persoas, en combinación coa tecnoloxía. A ciencia debe, pois, estar ao servizo da sociedade.

Este ano, nun momento no que o mundo está loitando contra a pandemia global provocada polo SARS-CoV-2, o tema central do Día Mundial da Ciencia é “A ciencia para e coa sociedade para facer fronte á pandemia global”. Neste contexto, resulta imprescindible a colaboración e responsabilidade da cidadanía para facer un labor divulgativo da importancia de promover a ciencia e loitar para que os nosos gobernantes apoien o seu desenvolvemento e aplicación nas súas políticas económicas, co fin de impulsar o avance da actividade científica.

Esperemos, máis ben pronto que tarde, dar a coñecer no blog da nosa biblio, cuxa temática deste curso é inventos e descubrimentos, a boa nova da vacina contra a COVID-19, e que sexa administrada a toda a poboación do planeta, países desenvolvidos e non, para cumprir así cunha das finalidades do Día Mundial da Ciencia para a Paz e o Desenvolvemento.

Rede Lectura

Punto de encontro da comunidade educativa do CPI de Zas

Biblioteca do CPI de Zas

Punto de encontro da comunidade educativa do CPI de Zas

O CANDIL DE ZAS

Punto de encontro da comunidade educativa do CPI de Zas